(La versión en castellano de este ‘post’ puede leerse aquí: Cómics esenciales 2019)
Nesta nova edición do anuario Cómics esenciales, publicada pola Asociación de Críticos y Divulgadores del Cómic (ACDCómic) en colaboración con Jot Down e GP Ediciones, participo con dous artigos dentro do centenar de recensións sobre obras clave do mercado español da banda deseñada de 2019.
Por unha parte, escribo sobre un sorprendente libro da canadiana de raíces serbias Nina Bunjevac: Bezimena é un libro aparentemente sinxelo pero poliédrico; nesta historia, que podemos definir simplificadamente como unha viaxe á mente dun perturbado, a autora consegue crear un impresionante clima de fantasía onírica que transita entre o pracenteiro e o ominoso.
Por outra, reflexiono sobre a reedición da obra que supuxo a revisión desde cero dun clásico entre os clásicos da banda deseñada europea: Diario de un ingenuo, a reimaxinación das aventuras de Spirou por parte do francés Émile Bravo, que agora, dez anos despois, deu lugar a unha ambiciosa historia dividida en catro partes, coa Segunda Guerra Mundial de fondo. O Spirou de Franquin foi un dos meus favoritos de xuventude, mais o Spirou de Bravo promete ser unha das novelas gráficas europeas de referencia.
O volume Cómics esenciales 2019 contén, ademais desa centena de textos sobre obras editadas ou recuperadas en 2019, varios artigos de fondo sobre temas diversos (por exemplo, unha interesante reflexión sobre as dificultades da catalogación de fanzines, a cargo de Eduardo Guillén), e, como de costume, unha extensa entrevista a dous autores; neste caso, a Roberta Vázquez e Javier Rodríguez.
Cómics esenciales 2019. Un anuario de ACDCómic, Jot Down & GP Ediciones, Barcelona/Sevilla: Wabi Sabi Investments, 2020
Émile Bravo: Diario de un ingenuo, Madrid: Dibbuks, 2019
Nina Bunjevac: Bezimena, Barcelona: Reservoir Books, 2019