Despois dun pequeno lapso de tempo sen publicar, por causas diversas, hoxe hai un novo artigo da miña columna periódica «Entre as viñetas», en CulturaGalega.org. O texto, titulado Fugacidade, reflexiona sobre esa misteriosa conxunción de factores que converte en perfecta unha obra de arte nun momento determinado e que moitas veces —a maior parte delas— desaparece, e con ela a perfección artística, cando pasou ese momento. Algo que explicaría por que algunhas que foron consideradas «obras mestras de todos os tempos» hoxe poden parecernos bastante menos ca iso —non entro a dar exemplos; non se trata hoxe de polemizar—. Dígase de paso que a imaxe que se utilizou para ilustrar o artigo (responsabilidade do equipo de CulturaGalega.org) é precisamente a cuberta dun libro que pretendeu, nun afastado 1996, desmontar algúns canons preexistentes no mundo da BD, só que para facer outro novo, tan discutíbel (e en moitos sentidos tan inútil) como aquel.

A pesar de que non houbo novas columnas miñas nestes últimos meses, si que colaborei con CulturaGalega.org nalgúns dos seus artigos. Por exemplo, aparecen declaracións miñas no que fixeron con motivo do trixésimo aniversario do Carrabouxo e no balance cultural do ano 2012.

Leave A Comment

Comparte este artigo!