Hoxe apareceu un novo artigo da miña columna «Entre as viñetas», en CulturaGalega.org. Unha obra como El héroe, de David Rubín, merecía ser lida ao completo para ser debidamente comentada —xa que foi concibida como unha obra única, aínda que se tomase a decisión de dividila en dúas partes por cuestións prácticas—; confirmo a impresión de que gaña enteiros lida en conxunto. Moito se ten comentado xa esta novela gráfica (é unha forma de falar: a falta de aparato crítico no mundo do cómic segue a ser, como xa teño dito, o gran problema que toca resolver agora), mais esta é a miña pequena contribución; o seu título, Heroes.
Como na columna fago mención ao debatido —de novo, poñamos tal verbo entre aspas— asunto do termo «novela gráfica», aproveito a ocasión para divulgar este artigo que me pediron para o último número d’O Fanzine das Xornadas, que nestes días foi publicado en PDF na web oficial das Xornadas (o meu texto pode lerse tamén aquí individualmente). Creo que o concepto «novela gráfica» segue a ser moi nebuloso, mais coincido co artigo de David Rubín casualmente aparecido tamén hoxe na idea de que, sexa como for, só trouxo cousas boas para a banda deseñada.