
(Sorry, there is no English version for this post. Alternatively, you can find the Spanish version here: Jot Down Cómics n.º 9)
Nesta ocasión, a revista-anuario Jot Down Cómics saíu xa pechando o ano 2025, o que pode crear unha sensación estraña ao repasar nas súas páxinas os títulos máis destacados dun xa afastado 2024, especialmente tendo en conta esta época de inmediatez que vivimos. De feito, intúo que esta cuestión temporal foi unha das varias razóns para o cambio de título e concepto desde aquel de Cómics Esenciales que tiña ata hai cinco anos. Aquel formato facía evidente, coa indicación do ano en cuestión clara na cuberta, a súa presunta «data de caducidade» nos andeis das librarías. Confío en que esa nova condición de revista estea dando resultados de cara á súa viabilidade como produto cultural. Filosoficamente, como xa teño comentado moitas veces, a súa necesidade é clara; porén, non sei se precisamente a saturación do mercado da BD —que debería facer moi apetecible unha guía que deitase luz sobre o panorama para orientar na compra e mesmo no acceso a títulos nas bibliotecas públicas— acaba ocultando ou tornando opaca esta revista/libro nos estantes, entre a imparable enchente de novidades.
En calquera caso, neste noveno número, produto coma sempre da colaboración entre Jot Down e a asociación ACDCómic, participo con dúas recensións. Por unha parte, o volume 1 do integral das historias de diversas extensións da serie Palomar, de Beto Hernández; por outra, o libro Si bailáis, entenderéis mejor las letras, a obra de Lorenzo Montatore sobre a experiencia de escoitar o grupo Talking Heads. Son dúas propostas radicalmente diferentes que dan unha boa mostra do variadísimo panorama editorial actual, pero o número complétase con outras sesenta recensións doutras tantas obras, así como cunha extensa entrevista a Teresa Valero e Juan Díaz Canales (autores conxuntos da ilustración da cuberta) e artigos de fondo sobre bibliotecas e cómic, BD científica e manga feito en España.
A propósito, algunhas das miñas contribucións a números anteriores poden lerse gratuitamente na web da revista.
‘Jot Down Cómics’ n.º 9. Novembro de 2025. 240 páxinas, cor.








