(Sorry, there is no English version for this post. Alternatively, you can find the Spanish version here O Cineclube Padre Feijoo…)

En setembro de 2020 fun convidado a unha actividade de homenaxe a antigos directivos do Cineclube Padre Feijoo, con motivo do cincuenta aniversario da entidade. Naqueles días, apareceron na prensa local varios artigos rememorando a traxectoria do Cineclube, e notei que en case todos eles seguía contándose a historia das súas dúas primeiras décadas de andaina, mais moi pouco ou nada sobre o que sucedeu a continuación.

Eu entrei a formar parte do Cineclube como secretario en 1995 e finalmente fun presidente un tempo ata que o deixei en 2010, e non foron anos fáciles para conseguir mantelo a salvo. Non se tratou simplemente de tomar a vez e continuar a actividade de forma rutineira, como quen mantén un negocio familiar coas vellas receitas que viñan funcionando. En vez diso, houbo que loitar contra o vento e a marea (a inacción, cando non o desprezo, de diversas institucións) para simplemente dotar de normalidade a actividade cotiá do Cineclube e, a partir de aí, facelo crecer.

Reparei en que, dado que durante eses anos foramos un equipo reducido, ou eramos nós os que contabamos as cousas, ou aquilo quedaría sen contar. Así pois, considerei que era momento de explicar cal foi o labor das directivas deses anos, que permitiu que o Padre Feijoo chegase ao medio século (e continúe con boa saúde), en vez de esmorecer polo camiño. Non quería, desde logo, caer en ningún tipo de autorreivindicación. Por tanto, non se trataba de redactar unha historia deses anos cunha falsa pretensión de obxectividade, senón antes ben unhas memorias que asumisen toda a súa subxectividade desde unha perspectiva plenamente honesta.

O que ía ser un post extenso para publicar neste blog deveu un artigo con moitas notas e un par de anexos (toda a programación daqueles anos, por exemplo). Por unha simple cuestión práctica e de lexibilidade, era mellor darlle unha aparencia de libro, aínda que fose só en formato dixital. Despois de poñelo na rede hai uns meses e difundilo entre poucas persoas para coñecer a súa opinión, inclúoo por fin no blog, con acceso libre, naturalmente.

Con agradecementos a Juanjo Rodicio por animarme a elaborar este texto.

Para descargar:

O Cineclube Padre Feijoo entre 1995 e 2010 (Calaméo)
O Cineclube Padre Feijoo entre 1995 e 2010 (PDF en alta resolución)

Leave A Comment

Comparte este artigo!