En principio dubidei se tratar ou non este tema, que se ten tocado tamén por outros columnistas do mesmo portal, como Xastriño ou Melo, ademais de noutros blogs, como o de Álvaro Pons e, especialmente, o de Pepo Pérez —que leva bastante tempo pondo en cuestión a secuencialidade como elemento definitorio da banda deseñada—; dubidábao por se podía ser demasiado técnico para o público xeral, a quen, en principio, vai dirixido o meu texto.
Porén, pensei que tamén era bo que todo o mundo reparase en como estabelecemos uns marcos definitorios para as manifestacións artísticas e pensamos que están moi claros, cando en realidade son bastante máis esvaídos, e por riba cambian continuamente cos usos sociais. O formato da longametraxe ou o da novela, por exemplo, responden máis a convencións de tipo comercial que a unha razón de ser creativa ou artística, e nin sequera teñen sido iguais en toda a historia, mais podemos pasar horas discutindo se o termo «novela gráfica» é acertado ou un tremendo erro. En fin, o asunto daría para un texto moito máis longo, pero neste caso había que cinxirse a outro tipo de convención: a do espazo que debe ter unha columna. O resultado, aquí.