Hai xa once anos quedara impresionado coa exposición que sobre Ruth Matilda Anderson estivera dentro do programa do Outono Fotográfico, daquelas organizada pola Consellería de Cultura. As imaxes tomadas por esta muller nas dúas expedicións por terras galegas organizadas pola Hispanic Society of America entre 1924 e 1926 abrían unha nítida fiestra cara ao pasado en que, malia os anos que transcorreran desde que foran tomadas, era ben doado identificar elementos totalmente próximos e familiares. 
Desas imaxes sepárannos moitas cousas, porque da historia de ritmo repousado que aínda era propia desa época (moitas das escenas poderían ser exactamente iguais 150 anos antes) pasamos aos cambios de ritmo frenético da actualidade, mais hai algo que non cambiou e que nos fai recoñecernos nelas. 
A semana pasada puiden ver a nova exposición con obra de Anderson, «Unha mirada de antano», que organizou a Fundación Caixa Galicia. Cómpre vela con vagar para poder desfrutala como merece. Só por contemplar algunhas imaxes con perspectivas inéditas (por exemplo, de Ourense, unha vista desde San Francisco que hoxe é sinxelamente imposíbel, tanto como a perspectiva da rúa do Progreso tomada desde un balcón do desaparecido Hotel Roma) xa valería a pena, pero é que a exposición é moito máis. O vídeo que inclúe a reportaxe que preparou CulturaGalega.org, con comentarios dun dos comisarios da mostra, Miguel Anxo Seixas, serve de inmellorábel aperitivo do moito que se pode encontrar nas fotografías tomadas por esta norteamericana en cada recuncho de Galicia.

Leave A Comment

Comparte este artigo!