Hai proxectos que dá unha rabia especial que non poidan saír adiante. Un dos que máis lamento que non chegase a bo porto é o da serie Ventura na illa de Hypnos, composta por capítulos que, a xeito de videoclip, ían contando historias do seu protagonista por medio de animación por computador. A serie supuña unha continuación do CD interactivo O labirinto dos soños; neste caso, destinada á televisión, baixo a dirección de Pepe Sendón. Conservábase o personaxe protagonista daquela historia, creado por Fausto Isorna, mais foille encomendado a Miguel Robledo deseñar novos personaxes e desenvolver visualmente as historias suxeridas por cada canción —todas elas compostas por Fran Pérez Narf—. Robledo creou para este proxecto completísimos storyboards e deseños de todo tipo durante bastantes meses, e houbo moitos interesados en tomar parte na produción, mais finalmente todo ficou truncado a medio camiño. Cousas do audiovisual: os traxectos son moi longos, e nunca están acabados até que non se chega ao final de verdade.
O outro día descubrín que na web da revista Galimatías pode accederse a parte dese material. Entrando en calquera dos dous cuartos (o de Gal ou o de Matías), nos íconos que aparecen á esquerda, onde pon «Os soños de Gal» (ou «Os soños de Matías», no seu caso), poden verse os vídeos dos seis capítulos producidos (para iso, hai que premer en «Ver todos os vídeos»), e tamén parte deses deseños a cargo de Robledo. Vale a pena.
Por se for pouco, onte decateime de que o vídeo que aparece en Flocos.tv co título de O labirinto dos soños é, nin máis nin menos, a colección dos seis capítulos de Ventura na illa de Hypnos, e resulta que a calidade de imaxe é bastante mellor. En todo caso, sempre me preguntarei como tería sido este proxecto se se puidese ter feito unha curtametraxe inchada a 35mm para proxectar en pantalla de cinema… Ten elementos realmente espectaculares, e se teño que destacar algo, recomendo o personaxe de Hypnos no último dos capítulos; creo que ten moitísima forza.
Para quen non coñeza aínda o traballo de Robledo, algúns apuntamentos útiles: o libro Vilaverzas (editado en galego e castelán por Faktoría K, recompila parte das historias publicadas previamente na revista Golfiño); Os Cabezóns (en publicación, por capítulos, na revista BD Banda, tamén en galego e en castelán); o libro Una fantasía del doctor Ox, de Jules Verne, ilustrado e deseñado para a ocasión e editado por Duen de Bux); ou, por último —e aínda que xa ten moitos anos—, o CD interactivo Galingua, que ilustrou, deseñou e animou. Oxalá Robledo teña axiña o éxito e o recoñecemento que merece, como un dos máis importantes creadores que temos na nosa terra. E non o digo por amizade.