En 2007 propuxéronme, desde a publicación feminista Festa da Palabra Silenciada, dirixida por María Xosé Queizán, un artigo sobre a violencia nos cómics. Supoño que poderá dicirse que no meu texto saín un pouco «pola tanxente», xa que falei dos medios en xeral [refírome á ficción; outro día habería que reflexionar tamén sobre o que non é ficcionado] e non só da BD; a razón é que non considero que ese (nin ningún outro, na realidade) sexa especial ou marcadamente violento. Tamén podo ser acusado de relativista, pero creo que, se hai un caso en que hai que apelar a repensar o que vemos tentando miralo con ollos alleos, é este, o da representación da violencia. O artigo, que inicialmente titulara «Violencia impresa», saíu publicado no n.º 23 da revista (monográfico «Violencia», 2007), nas páxinas 115-116. Creo que o que escribín entón segue sendo válido.O documento en formato pdf pode baixarse aquí, e nesta ligazón do Consello da Cultura Galega, o número completo.

VIOLENCIA NO CÓMIC 

Henrique Torreiro  

Creo que non é ningunha ousadía aseverar que todas as sociedades, e con elas todas as persoas, teñen marcados certos límites entre o que debe ou non mostrarse en público, o que é obsceno —no sentido dunha das etimoloxías atribuídas á palabra: «aquilo que debe permanecer fóra da escena»— e o que non. As sensibilidades varían ao longo dos tempos —non necesariamente cara a mellor nin cara a peor—, e todos estamos irremediabelmente influídos, dunha forma ou doutra, pola sociedade que nos tocou vivir. Mesmo ocorre que obras de arte consideradas xeniais no seu momento as achamos hoxe de dubidoso gusto, e viceversa. Se consultamos as fontes máis clásicas, vemos que así sucedeu sempre.  

Todas as persoas temos un punto a partir do cal consideramos que o que estamos a ver —sempre que implique unha vontade de mostrar por parte de alguén— non merecería ser amosado. Consideramos obscenos, pois, certos elementos de índole sexual, violenta, escatolóxica, etcétera, aínda que os nosos límites estean xa moi lonxe dos que poden ou puideron ter os nosos avós. Alén diso, a percepción que cada quen ten da realidade, e, como parte dela, dos medios de comunicación e de expresión, é moi diferente á que ten o seu veciño. Onde algúns críticos ven con sinceridade e emoción unha verdadeira obra mestra, outros tantos encontran unha impostura, unha mediocridade ou unha obra execrábel. E seguramente todos teñen razón, e actúan de boa fe. Polas mesmas razóns, hai persoas que ante unha escena —dun filme, dunha obra de teatro, dunha novela, dun cómic— se senten agredidas ou insultadas, e outras que consideran que a dureza de tal situación encaixa perfectamente cos propósitos da obra e contribúe á súa calidade. 

Coas escenas de violencia pode suceder xustamente iso: podemos considerar que se trata de violencia gratuíta ou ben encontrar que esa violencia é indisolúbel co propósito da historia —pondo un exemplo moi evidente: probabelmente unha historia antibélica teña máis carga violenta, e esta sexa máis crúa, que unha historia épica, cando a posición autoral estará, a priori, máis en contra da violencia no primeiro caso que no segundo—. Cando é que superamos os limiares do aceptábel por cada sensibilidade persoal e intransferíbel? Sempre houbo quen tivo claro que debía ser el, e non outros, quen decidise onde estaban eses límites. E un medio como a banda deseñada, pola súa calidade de eminentemente gráfico, é unha presa fácil para estas disquisicións. 

Un caso ben coñecido é o que deu lugar á Comics Code Authority. Esta entidade foi creada nos EE. UU. en 1954, en pleno mccarthismo, por mor das advertencias que o psiquiatra Fredric Wertham fixera no seu libro Seduction of the Innocent sobre os perigos que os cómics e as mensaxes que levaban implícitas entrañaban para os cativos e os novos. Isto levou a unha investigación do Congreso dos EE UU contra a industria dos cómics americanos; como resultado, os editores decidiron voluntariamente estabelecer unha comisión de control dos contidos dos seus produtos. O libro do doutor Wertham aseveraba que a violencia, o terror e a carga sexual que podían verse nos cómics para adultos podían inducir condutas similares nos nenos; convén dicir que Wertham entrevía contidos sexuais ocultos en moitos cómics —unha relación homosexual entre Batman e Robin, formas de nus femininos disimuladas entre as rugosidades de cortizas de árbores…—. Perante o Subcomité do Senado sobre Delincuencia Xuvenil, Wertham, en calidade de testemuña especializada, proclamou que a banda deseñada era unha das principais causas das condutas delituosas dos novos. A decisión dos editores de censuraren eles mesmos os contidos das súas publicacións, antes de teren que se someter a unha censura externa, moito máis custosa en todos os sentidos, fixo non só desaparecer escenas de violencia, senón subxéneros enteiros, como o do terror. 

Este caso non foi algo propio só dos EE. UU. Cousas semellantes ocorreron tamén noutros países, como Gran Bretaña. Nin que dicir ten que a censura franquista exerceu o seu control tamén sobre a BD, con criterios ben variábeis, como pode observarse en distintas edicións dun mesmo cómic: nalgún caso, a censura nunha reedición facía que unha frecha que no orixinal mataba un soldado inimigo fose redebuxada para ir caer ao chan, mentres o soldado mantiña a man no peito, agora sen ningunha seta cravada.  

Aínda que o espírito pode parecer propio xa doutras épocas, o certo é que, de forma máis ou menos evidente, continúa até os nosos días —en 1991, un rapaz norteamericano, Mike Diana, foi condenado xudicialmente a non debuxar durante tres anos por ter sido achado culpábel de «obscenidade» nun fanzine, Boiled Angel, ateigado de debuxos «crus» propios do adolescente que era; a sentenza prevía controis periódicos do seu domicilio para comprobar o cumprimento da condena—. Curiosamente, a que podía parecer unha cuestión de índole conservadora é tamén defendida desde perspectivas aparentemente progresistas. 

Naturalmente que hai casos de empregos da violencia no cómic que son discutíbeis no que respecta á súa oportunidade, ao gusto dos seus autores e, claro está, á percepción dos límites que ten cada persoa —coa que, obviamente, moitas veces tamén xogan—. É moi posíbel que desde unha óptica progresista eses casos poidan ser vistos mesmo como condenábeis. Mais permite isto que sexan censurados oficialmente? 

Creo que, por máis que tentásemos fixar uns acordos mínimos sobre os límites que impor, non chegariamos a un consenso (a non ser, e até certo punto, no relativo a produtos dirixidos a un público infantil). Pensar, pois, nalgún tipo de censura de base pretendidamente obxectiva, por máis que esta veña disfrazada dos razoamentos mellor intencionados, non deixa de ter toda a aparencia dunha reacción paternalista, segundo a cal algunhas mentes preclaras deciden que é o que a masa debe ou non dixerir nos medios de comunicación a que está exposta. Isto, desafortunadamente, dá paso a innumerábeis atrancos á creatividade que estimo que non están xustificadas de ningún modo. 

Cumpriría repararmos máis na condición dos medios de comunicación como imaxe da nosa sociedade —e reflexo das súas carencias e debilidades— que na influencia que exercen sobre ela. Quizá deberiamos preocuparnos moito máis de como estamos a formar a nosa sociedade e do tipo de persoas que creamos con ela que do que ofrecen os nosos medios de comunicación. Se entre o público lector dun cómic hai alguén capaz de imitar un asasinato que ve nunha viñeta, podemos ter a seguridade de que a mesma inspiración ou escusa poderá encontrar no motivo máis inocente: é el o enfermo, non ese cómic. Porén, é moito máis cómodo e sinxelo tentarmos arranxar os medios antes que directamente a sociedade.

One Comment

  1. Pepo Pérez 25 de September de 2009 at 4:25 pm - Reply

    bastante de acuerdo, Henrique.

Leave A Comment

Comparte este artigo!