Antes do Viralatas houbo outro proxecto moi similar, que contaba ademais practicamente co mesmo equipo humano. Os problemas da empresa editora foron os que fixeron que a revista Caña, que así se chamaba, acabase no seu número 4 —antes houbera outra revista Caña patrocinada por unha coñecida marca de cervexas, mais esta nova estaba máis centrada no modelo dunha publicación de tendencias. Eu colaborei con pequenas recensións sobre banda deseñada; eran realmente pingas de 1000 caracteres en que tiña que concentrar toda a esencia da obra de forma que resultase atraente tanto para afeccionados como para neófitos. Estas que reproduzo agora eran as primeiras, correspondentes ao número 1, de maio de 2008. Os dous títulos de que falo aínda están disponíbeis nas tendas, para quen estea interesado.

Aventuras de Cacauequi (edición anotada), de Jacobo Fernández Serrano, é o primeiro traballo en álbum deste autor galego que xa era coñecido polos seus traballos nas revistas Golfiño, BD Banda y Retranca. Con el gañou o Premio Castelao 2007, demostrando novamente posuír un mundo propio ateigado de ideas e sensacións. Gozar desta obra é unha experiencia atípica: a súa historia non responde a ningún tipo de canon e hai que lela coas súas notas ao final do libro (notas en forma de cómic, loxicamente) para entender todo o seu sentido. Precisa que quen o lea se deixe levar a un escenario entre o soño e o mito, cunha fantasía evocadora e asemade inserida na brutalidade. Narración nada compracente, pode ter unha aparencia caramelizada pero contén entre os seus ingredientes o medo que nos leva directamente a certos pesadelos. H. T.

En El jardín armado y otras historias, de David B., o elemento mítico pasa a ter unha importancia primordial, como ocorre noutras obras deste autor francés, tanto nos universos mentais contemporáneos (La ascensión del gran mal [recompilada posteriormente nun único tomo co título de Epiléptico]) como nos da antigüidade ou o medievo (Los buscadores de tesoros). Partindo de feitos históricos relacionados con seitas heréticas (do islam a primeira parte, co Profeta Velado Al-Muquanna; do cristianismo a segunda e a terceira, cos adamitas e os husitas), David B. traza con precisión tres contos que exploran toda a simboloxía de épocas pretéritas. É unha viaxe polo imaxinario do pasado grazas a unha linguaxe, a da BD, que permite unha inmersión que ningunha outra arte conseguiría. O emprego de estéticas que evocan culturas afastadas no tempo, unha narrativa case hipnótica e uns argumentos que conectan co noso lado máis ancestral conseguen o resto. H. T.

P. S. De Aventuras de Cacauequi fixen tamén outro comentario, máis extenso, na miña columna de CulturaGalega.org do 7/5/2008, que pode lerse aquí.

Leave A Comment

Comparte este artigo!