Xa está editado o novo número de Viralatas, correspondente a decembro (á parte de encontralo gratuitamente en cafés, tendas e librarías das sete cidades galegas, tamén pode ser baixado en formato pdf. Nesta ocasión colaboro cunha entrevista a Alex Cal —que está a ter as súas primeiras experiencias no mercado norteamericano do cómic—, e coas recensións na sección sobre BD, como de costume. Estas son as deste número 5.
[Actualización: dado que xa non existe a web de Viralatas, inclúo aquí o acceso á páxina da entrevista con Álex Cal e a das recensións de BD]
Bastien Vivès
O que parece ser un dos grandes talentos da nova banda deseñada europea está a despuntar con apenas vinte e cinco anos. Nesta pequena novela gráfica (aínda que a súa brevidade é só relativa, e ten que ver co seu pausado sentido do ritmo máis que coa súa extensión real, de cento corenta páxinas) cóntasenos unha historia mínima, a dos primeiros pasos dun namoramento a partir dunha situación anecdótica. O decorrer dunhas sesións de natación recomendadas polo fisioterapeuta serve a Vivès para demostrar unha destreza envexábel no emprego da liña e no da mancha de cor —entre as que transita como peixe na auga, e nunca mellor dito—, mais especialmente no seu dominio da narrativa, que dinamiza o relatado e conquista o interese do lector nese microfragmento de realidade en que é fácil verse reflectido. O título describe perfectamente o tipo de impresión que se pretende con este conto, carente de inicio e final no sentido tradicional, pero cargado de poderosas notas sensitivas. H. T.
David Rubín
Ao igual que fixera con Romeo y Julieta, a súa anterior obra para esta mesma colección, Rubín adapta un clásico literario á banda deseñada. Se naquela ocasión recorría á vertente máis cartoon do seu estilo para, sorprendentemente, reflectir de forma moi acertada o espírito da obra e o seu dramatismo nas poucas páxinas a que obrigaba o formato da colección, desta vez, ao se tratar dun brevísimo relato, os recursos narrativos do universo persoal do adaptador permítenlle ofrecer, sen ningún atranco, unha versión que leva o romanticismo do Bécquer orixinal ao seu terreo propio. Emprega así sen problemas unha porción importante do texto escrito do cal parte e conxúgao con imaxes nunha construción coherente e creativa; malia tratarse dunha obra pensada para un público infantil e xuvenil, respectuosa co texto inicial —sen tampouco ficar debedora del até verse limitada—, o resultado é un traballo que se engarza plenamente na vizosa traxectoria, en constante evolución, do autor ourensán. H. T. 
Seth 
O creador de La vida es buena si no te rindes y Ventiladores Clyde ofrécenos unha das obras fundamentais deste ano, publicada orixinalmente por capítulos en The New York Times. O obstáculo preliminar de tratar un tema complexo a través de entregas dunha soa páxina é superado habilmente por Seth —pseudónimo do canadense Gregory Gallant— incorporando as ideas de Chris Ware ao seu selo persoal. Deste xeito, a experimentación empregada, coa fragmentación do relato, non é percibida polo lector como tal, senón como desenvolvemento natural da trama. O personaxe central, vella gloria dunha televisión local, famoso polas súas expedicións árticas, que explotou despois a base de charlas, libros e programas, é nesta obra desmontado, desconstruído, analizado desde múltiples perspectivas: a dun narrador case-omnisciente, a dos achegados, a de persoas que o coñecían só como figura pública. O resultado, unha obra entretida e fascinante, que reflexiona sobre as zonas escuras da existencia humana. H. T.
Jirô Taniguchi 
Volve editarse, e nesta ocasión nun único tomo, o celebrado álbum do xaponés Jirô Taniguchi, autor que ten suposto para moitos lectores occidentais, afortunadamente, o abandono de toda unha serie de prexuízos sobre o manga que, na maior parte dos casos, non se corresponden coa realidade. A coartada fantástica —un home maduro sofre inexplicabelmente unha viaxe no tempo e pasa a revivir en primeira persoa a súa época adolescente— serve de escusa formal para tratar uns temas que lle son queridos ao autor de El almanaque de mi padre: o paso dos anos, os momentos claves na vida, as oportunidades perdidas, as contas pendentes co pasado, as complexas relacións de familia, a sensación de clarividencia que se pode ter ao ollar todo iso co pouso da experiencia… Taniguchi consegue atrapar estas sensacións de forma moi precisa, e transmitilas co grao necesario de nostalxia para as facer vívidas e reais, malia estaren localizadas nunha cultura tan aparentemente afastada de nós como a nipona. H. T.

Leave A Comment

Comparte este artigo!