No número deste mes —na realidade, o correspondente aos meses de agosto e setembro— da revista Viralatas, á parte da miña sección de recensións de BD, colaboro cun artigo sobre o cinema 3D dixital, novidade a que xa podemos acceder en varias das salas galegas.
A miña idea era afrontar o tema do cinema en relevo non desde o punto de vista simplemente descritivo (que tamén fai falta, porque aínda non se sabe moito acerca do asunto) senón, sobre todo, creativo: é un avance ou pode ser un atranco á hora de contar historias o feito de teres que estar pensando en sacar cousas fóra da pantalla para satisfacer as ansias de espectáculo do público?
A verdade é que non teño moitas oportunidades de escribir sobre cinema, outra das miñas grandes paixóns, así que quedei moi contento de poder facelo, e ademais sen limitacións de espazo.
Como xa comentei noutro post, a revista pode conseguirse gratuitamente en moitos bares, cafés, tendas de discos e similares das sete cidades galegas, pero tamén pode verse en formato pdf a través da web (son 5,55 Mb). O artigo en cuestión pode lerse nas páxinas 24 a 26.

E xa que estamos, aproveito para recomendar Up, unha nova demostración do poder creativo e cinematográfico de Pixar, dirixida nesta ocasión por Peter Docter (que xa o fixera en Monstros, SA e que coescribira parte dos títulos da casa). Vina por fin onte (en versión 3D), e é para quitar o sombreiro. Hai, novamente, pouso dos grandes clásicos —antigos e modernos: encontramos desde pingas do Capra de It’s a Wonderful Life (esa parella que non logra cumprir o seu soño dourado de viaxar) até tonalidades e claves propias de Miyazaki (as escenas de voo e de nubes; os créditos finais, en que vemos imaxes do que sucede despois de acabada a historia). É unha coidada mestura de tenrura, humor —eu rin a cachón—, drama —tamén me emocionou e me humedeceu os ollos— e aventura. Demostra amor polo cinema, e respecto polo espectador; a espectacularidade —que a ten, e moita— está moi ben medida: a verdadeira sensación de espectáculo lógrase por contraste entre escenas calmas e escenas de acción (se todos os planos fosen «espectaculares» a sensación perderíase aos dez minutos; é como a vida mesma: se non houbese momentos infelices, non saberiamos o que é a felicidade).
Precisamente, é moi curioso que, aínda que o filme é un éxito, non vai cumprir as expectativas de moitos que vaian buscando os «efectos 3D»: souberon dosificalos tan ben, adaptalos tanto para non interferiren na historia, senón para a complementaren, que moitos non os van notar; de feito, non hai cousas que saian da pantalla: para que, se non fai falta? Todos os efectos están baseados en xogar coa profundidade, e vaia se o conseguen. Oxalá unha de cada cen fitas 3D vaia ser así.

Leave A Comment

Comparte este artigo!