Hoxe sae publicada a miña columna periódica (aparece aproximadamente cada dous meses, baixo a epígrafe de «Entre as viñetas») en CulturaGalega.org, o portal de actualidade cultural que auspicia o Consello da Cultura Galega e dirixe Manuel Gago (autor, dito sexa de paso, dun dos blogs máis interesantes e recomendábeis que se fan por estes lares, Capítulo 0). Nesta ocasión —e seguindo co tema que xa comentei días atrás— centreime na certa polémica existente arredor dos formatos do libro, entre tecnófilos e tecnófobos, cuxas discusións son como as árbores que non deixan ver o bosque: o importante son os contidos, non o soporte en que gozamos deles.
De paso, un apuntamento máis —dalgunha forma relacionado coas desaforadas (e desafortunadas) reaccións que os posts de Manel Fontdevila no seu blog da web do diario Público (aquí y aquí) provocaron entre algúns internautas—, sobre o que é o dereito de autor e sobre como algúns mesturan allos con bugallos e, cun mal entendido espírito libertario, reclaman que a propiedade intelectual é un roubo, curiosamente sen poren antes en dúbida a propiedade en xeral. Naturalmente, hai moito que debater sobre o tema, mais resolvelo da forma en que o fan algúns opinadores clama ao ceo.

En fin, a columna en cuestión pode lerse aquí, e todas as anteriores, aquí.

Leave A Comment

Comparte este artigo!