A nova entrega da miña columna «Entre as viñetas», co título de Translacións entre medios, aparece hoxe en CulturaGalega.org. Nesta ocasión, volvo tocar o tema das relacións entre cinema e banda deseñada, visto que o panorama foi cambiando bastante nos últimos anos. Entre os filmes de Tintín dos anos sesenta y a triloxía que preparan Spielberg e Jackson hai un abismo difícil de prever mesmo hai cinco anos, cando tratei o tema na mesma columna; considerei, por tanto, que había razóns para volver sobre o asunto.
Xúntanse así de novo dous dos meus temas favoritos, que tratei neste tempo tamén na que até agora é a miña última incursión radiofónica, o programa A lanterna máxica, dirixido por Óscar Losada na Radio Galega; entre 2006 e 2009 tiven alí unha colaboración mensual en que falabamos destes cruzamentos, cada vez máis numerosos, entre as dúas artes, e puiden ir constatando todas estas mudanzas que apunto no artigo de hoxe.
As anteriores columnas de «Entre as viñetas» poden lerse nesta ligazón.
[A propósito, na portada de hoxe de CulturaGalega.org aparece tamén a Guía AGPI Ilustración 2011, que coordinei cos compañeiros da AGPI e que pode ser consultada en liña gratuitamente desde ese mesmo sitio web.]