Viaxando no tempo, recupero unha colaboración que fixen en 1998 para o número 4 da revista Bravú, un curioso proxecto impulsado por Xosé Manuel Pereiro, a medio camiño entre a publicación cultural «homologábel» —estaba editada por Xerais— e o fanzine —as colaboracións eran todas de balde—, cuxo subtítulo era «a revista que sae cando a situación o require». Antes, eu colaborara en Bravú ilustrando un relato no número 2, de 1997. A cuarta entrega, que foi o derradeira do proxecto —despois, tivo unha breve resurrección en forma de web—, sufriu toda unha serie de atrasos que fixeron que a súa aparición real fose en 2001. 
Para as páxinas centrais deste cuarto número (a revista era de formato apaisado, de aí o panorámico do encadre) pedíranme unha ilustración a cor, co tema do número —o mar—, e que en concreto reflectise dalgunha forma os «sete mares» ou zonas da costa galega. A portada desta entrega de Bravú —da cal creo que non se encontra nin a máis mínima información en toda a rede, mesmo nos catálogos das bibliotecas—, dígase de paso, estaba feita por Miguelanxo Prado.
A anécdota é que, finalmente, despois da longa espera para a súa publicación, e para a miña sorpresa, en ningún lugar da revista se indicaba a autoría do póster, e o meu nome nin tan sequera aparecía entre a lista de colaboradores. Aínda por riba, optárase —a pesar da miña recomendación en contra— por reproducir a ilustración a sangue —é dicir, sen marxes—, co que, para redondear o asunto, a miña sinatura desaparecera da publicación. Noutras palabras, esta ilustración era, até o día de hoxe, anónima. En fin, o asunto era unha espiña cravada que eu tiña, e, para quitala dalgunha forma, aínda que sexa once anos despois, aquí republico o dito póster, en versión completa (mais non a tamaño real, que é aproximadamente de 21 × 60 cm) e recortada, por se alguén tivese interese nos detalles.

Creative Commons License

‘Os sete mares de Galicia’ by Henrique Torreiro is licensed under a Creative Commons Recoñecemento-Non comercial-Sen obras derivadas. 3.0 España License. Based on a work at 4.bp.blogspot.com. Permissions beyond the scope of this license may be available at https://htorreiro.blogspot.com.

Leave A Comment

Comparte este artigo!