E, como dicía no anterior post, este número de agosto-setembro de Viralatas —que, insisto, pode baixarse enteiro en formato pdf desde aquí— tamén inclúe a miña sección de banda deseñada, con catro títulos destacados entre novidades e non só.
Frederik Peeters
Peeters é moito máis que o autor de Píldoras azules; é dicir, esa —polo demais magnífica— obra deste prolífico suízo non esgota, en absoluto, o seu abano temático, nin ter tocado unha cuestión tan sensíbel en primeira persoa é o único mérito do seu traballo. Peeters sabe narrar de forma maxistral, é un creador de BD nato, excepcional, e iso fica demostrado en Constellation, en Lupus, en Koma, en R. G. ou neste Dándole vueltas, recompilación de traballos publicados previamente en revistas como Bile Noire ou Lapin. É tan extenso o seu rexistro que é probábel que moitos lectores gusten dunhas historias e en cambio non doutras: el non se conforma cos terreos coñecidos, e procura a exploración doutros novos, e vai así do humor negro á fantasía experimental, pasando mesmo pola reportaxe en forma de cómic, e, tamén, pola reflexión autobiográfica. Até hai variación nas técnicas e os estilos visuais. Se os relatos do volume teñen un punto en común, ese é a mestría que destilan. H. T.
Calles contadas
Juan Berrio
Proxecto persoal do seu autor, publicado por el mesmo nunha coidada edición, o último traballo do valisoletano Juan Berrio segue fiel a unha forma de entender o cómic e a ilustración como unha combinación de elementos como o cotián, as pequenas historias, o detalle, a casualidade, certa filosofía da sinxeleza. Neste caso, apostando aínda máis por unha ollada inxenua e amábel, que lembra a de artistas como Raymond Peynet cos seus namorados, sen que esa inxenuidade ou esa amabilidade signifiquen en ningún momento banalidade, senón a reivindicación dun modo de contar as cousas en que caben os xogos de palabras sen segundas intencións e os sketches visuais de ton clásico. O libro componse dunha serie de micronarracións —en secuencia coas páxinas do libro— unidas polo espazo urbano en que se localizan, verdadeiro protagonista da historia. Aínda que non é fácil de encontrar, pode comprarse en librarías especializadas galegas ou pedirse a Berrio a través da rede. Vale a pena o esforzo. H. T.
Harry Pórrez y el as en la manga de Condemort
Vergara/Víctor Rivas/Enriquecarlos
Que afortunadamente hai herdeiros para o mellor da escola Bruguera demóstrao a obra de Bernardo Vergara, quen, tanto na súa faceta de autor total como na de guionista, sabe adaptar aos nosos tempos ese tipo de humor característico. E sabe facelo propio, sen caer nunha simple imitación ou pastiche, mesmo cando se trata de facer unha parodia, como é o caso. Vergara acompañouse na serie Harry Pórrez dos debuxantes Enriquecarlos —que a deixou durante a súa publicación na revista Mister K— e Víctor Rivas —galego xa veterano no mundo da BD, que a retomou con acerto—. Dous estilos diferentes, que achegan matices distintos a unha serie que se le con fruición. O brío do primeiro é complementado polo talento na creación de espazos do segundo. Malia ser unha caricatura das historias do celebérrimo mago, os personaxes están tratados con cariño, e as tramas, que seguen inicialmente o modelo de J. K. Rowling, axiña logran camiños propios, sen cansar dentro dun estilo necesariamente reiterativo. H. T.
Hacer cómics
Scott McCloud
A presenza de McCloud no Viñetas desde o Atlántico sérvenos de perfecta escusa para falar sobre o seu libro, que complementa, ao igual que o fixera La revolución de los cómics, o fundamental Entender el cómic: el arte invisible. Naturalmente, non hai por que estar ao cento por cento de acordo coas teorías deste autor, mais as súas obras son sempre unha bafarada de aire fresco. Pensar a BD desde o propio medio: esa é a clave deste estadounidense —asinante tamén da recentemente recuperada obra de ficción Zot!—, que, apoiado nunha estudada narrativa, consegue expor as súas ideas de forma efectiva e clara, e asemade amena e divertida. Esa destreza en mostrar argumentos en forma de cómic fixo que Google lle encargase a BD de presentación do seu navegador Chrome, por exemplo. As súas explicacións sobre como facer un cómic non só servirán a quen queira iniciarse nesta arte de forma activa, senón a toda persoa que procure comprender mellor os mecanismos internos da narrativa secuencial. H. T.